O BNG celebrará o vindeiro xoves día 25, ás 20:30 horas, unha charla informativa no Centro Polivalente do Rosal, na que fará balanzo do traballo realizado na presente lexislatura no concello. Así mesmo, informará dos contidos da nova Lei de Augas que aprobou recentemente o Parlamento cos únicos votos a favor do PP.
Con este acto, o BNG do Rosal remata unha campaña que iniciou o pasado mes de setembro, na que visitaron todos os barrios e parroquias do concello e informaron a veciñanza do traballo realizado. Segundo Alberte Alonso Pereira, responsábel local e candidato a alcaldía, “o resultado da campaña foi moi positivo, pois transmitímoslle directamente á xente o noso punto de vista sobre multitude de cuestións”. Do mesmo xeito indica que a campaña tamén serviu para recoller as reivindicacións dos veciños e veciñas, que puxeron de manifesto “carencias que o actual grupo de goberno non é quen de resolver”.
Neste mesmo acto da formación nacionalista, informarán dos contidos da nova Lei de Augas que recentemente foi aprobada unicamente polo PP no Parlamento galego. Alberte Alonso indica que para o BNG esta nova lei é totalmente abusiva e só persigue incrementar a recadación. Lamenta o candidato nacionalista que o alcalde do Rosal votara en contra dunha moción dos nacionalistas, na que solicitaban a retirada desta lei. “Non se defende os intereses dos veciños apoiando unha lei que grava con impostos inxustos ás traídas de augas veciñais e mesmo a municipal”. Lembra Alberte Alonso, que foron os propios veciños os que, con moito esforzo económico, tiveron que financiar as obras para poder ter auga nas súas casas sen a axuda do concello. “A actitude do alcalde e do PP local é unha mostra da súa submisión aos intereses do partido e do goberno da Xunta, fronte aos dos veciños e veciñas do Rosal”, asegura.
O Rosal a 22 de novembro de 2010
|